|
Tras as campañas para "Durmir de costas" a incidencia da Morte Súbita do Lactante baixou 2/3 partes.
O noso consello é, pois, poñer os bebés acabados de nacer a durmir de costas. A plaxiocefalia pódese tratar, a morte súbita non.
Pero atención:
Durmir boca arriba é un factor que predispón a ter deformidades craniais. Polo tanto, combine o decúbito supino estrito coa posición cara ao lado dereito e cara ao lado esquerdo. Dispón vostede de 180 posibilidades de colocar o seu bebé durmindo boca arriba durante a noite e as sestas do día. Non utilice sempre a mesma.
Por exemplo
Se vostede se ergue a miúdo de noite para coidar o seu bebé, siga a seguinte pauta:
- 1/3 parte do tempo boca arriba
- 1/3 parte cara ao lado dereito
- e a outra 1/3 parte do tempo cara á esquerda.
Se o seu bebé non precisa máis coidado e dorme moitas horas seguidas, siga a seguinte pauta:
- Déiteo boca arriba ou do lado que prefira
- Cando vostede vaia durmir, cambie a súa posición ao lado contrario durante o resto da noite. Póñao toda unha noite boca arriba, ao día seguinte do lado dereito e a terceira noite do lado esquerdo.
Durante as sestas diúrnas calcule o tempo total que o seu bebé adoita durmir e divídao por 3
O resultado en horas será o tempo que terá que poñelo a durmir boca arriba, do lado dereito e do lado esquerdo. Utilice para aguantar o seu fillo o mellor estrataxema que se adapte á súa situación.
Aconsellámoslle que utilice topes suaves (toallas, almofadas etc.) por debaixo da saba, esta será a súa mellor axuda. Se o seu bebé fai tratamento en cadeira antirrefluxo, procure seguir as mesmas pautas.
Posicións recomendadas
Calquera neno acabado de nacer debe durmir de costas coa cabeza e o corpo xirados alternativamente a cada lado, sendo preferible o decúbito supino (ou dorsal) ao decúbito lateral. Cando o neno acabado de nacer está esperto debe ser colocado sobre a súa barriga para que se afaga a esta posición, na que fai os seus primeiros exercicios físicos. O decúbito lateral alternativo é un bo medio de prevención da plaxiocefalia postural e tamén para reducir ao mesmo tempo o risco de Síndrome de Morte Súbita do Lactante (SMSL).
Pero atención: o risco relativo de SMSL dos bebés que dormen en decúbito lateral é 2,2 veces máis elevado en comparación cos que dormen en decúbito supino. Outros inconvenientes do decúbito lateral é que é inestable en comparación co supino. Se é moi estrito poden voltearse a decúbito prono. A recomendación sería, pois, que os pais alternasen, de xeito similar, a posición centrada da cabeza (nariz ao cénit), o xiro parcial á dereita e o xiro parcial á esquerda. Esta rotación da posición da cabeza debería realizarse no período neonatal para evitar que o neno acabado de nacer adopte o hábito dunha soa posición da cabeza e evitar así que empece a desenvolver un aplanamento occipital.
Cando, a medida que se fai maiorciño o lactante menor dun ano, aprende a xirarse sobre si mesmo e dorme espontaneamente sobre a súa barriga aconsellamos o descanso en supino xa que non existe consenso á hora de fixar en que momento o descanso en prono deixa de resultar perigoso.
Cando o bebé está esperto ou ten ganas de xogar, é altamente recomendable a posición en decúbito prono para o xogo vixiado. Nestes momentos non hai risco para a SMSL senón que é cando mellor se poden desenvolver as súas capacidades motoras.
Cando aparece a plaxiocefalia
Cando aparece a plaxiocefalia debe facerse un uso combinado dos cambios posturais axeitados (durmir sobre o lado contrario principalmente, dedicar o máximo tempo posible a estar boca abaixo facendo actividade física cara ao lado contrario ao do aplanamento, telo nos brazos) e fisioterapia da musculatura do colo intensiva, acotío e feita na casa á parte do traballo do fisioterapeuta.
Feitos os 3 ou 4 meses de idade, dependendo do grao de severidade, hai que engadirlle ao devandito tratamento o uso de bandas ortopédicas craniais dinámicas para devolverlle a normalidade aos pacientes afectados. Entre ese período e os 12 meses de idade é cando mellores resultados se obteñen. A medida que o lactante se fai maior, as posibilidades de melloría descenden, de xeito que a partir dos 2 anos de idade xa non é posible o tratamento ortopédico, sendo só útil a cirurxía.
|